jueves, 14 de marzo de 2013

Os derbis non se xogan, gáñanse

Mañá é a gran festa do fútbol galego, xógase o derbi máis importante dos últimos tempos, pola necesidade de puntuar de ámbolos dous conxuntos. Dúas afeccións, dous equipos, dúas ilusións, dous sentimentos, unha bandeira, unha Nación, todos os afeccionados co mesmo denominador común: a vitoria das súas cores, por esa razón sempre se di que os derbis non se xogan, gáñanse

Non entendo a razón de algúns afeccionados dos dous equipos preparando o derbi coma se fosen a unha guerra, non é máis que un partido de fútbol onde se xoga, sobre todo o Deportivo, as posibilidades reais de permanencia na Primeira División. O orgullo cómese con patacas, Celta e Deportivo; Deportivo e Celta queren gañar e punto, o resto é cousa dos que desexan enturbar o máis grande espectáculo futbolístico de Galicia: Deportivo da Coruña e Celta de Vigo xogando o derbi en Primeira División. É obvio que como coruñés desexo o triunfo do Deportivo, logo que o Celta comece a remontada despois de mañá. Cos dous equipos en Primeira División, o derbi é unha gozada.

O partido ten que ser o punto de inflexión para o Deportivo, unha vitoria permitiría albergar un tenue raio de esperanza, aínda que só leva tres partidos gañados no que vai de competición Ligueira, a ilusión é moi grande na vitoria, o que converte ao derbi para os afeccionados coruñeses nun partido diferente, o máis importante dos últimos anos. Aínda que poida parecer un tópico, por desgracia non o é.

Os fillos de Hércules acudirán ao encontro cargados de razóns para gañalo, son conscientes de que si se perde, as calculadoras botarán fume e de novo as contas da leiteira faranse donas do fin de semana, o mais simpático, se perde, será escoitar ao adestrador e xogadores dicindo que aínda se pode. O único que non se pode é perder, a literatura e as palabras son para encher tempos e espazos en papel.

Mañá na Coruña non é un día calquera, vai ser especial para miles de persoas, xógase o partido en venres, en horario case comercial. Miles de deportivistas daranse cita nas bancadas do estadio de Riazor para afogar cos seus cantos aos seguidores do Celta que viaxen a presenciar o encontro e animar o seu equipo. Moitos máis afeccionados non poderán ter presenza física no Estadio, seguirán por televisión, emisoras de radio, twitter, Internet, as evolucións do partido. Os que viven alén dos mares, empregarán as novas tecnoloxías para seguir en directo o que suceda sobre o terreo do estadio de Riazor. O ordenador será un instrumento esencial para os galegos de Australia, Nova Zelandia, Arxentina, Polonia, Brasil, Suíza, etc., como se veñen comprobando todos os fins de semana en "Galicia en Goles" -Radio Galega-ou noutras emisoras. Para min o derbi é o signo de identidade futbolística da Nación de Breogán. Por falta de compromiso político do serafín de luxo da Xunta e de ovos da Federación Galega de Fútbol-presidente socialista, vicepresidente nacionalista- instalados, políticos e federativos no comedor do poder, os galegos non podemos gozar da Selección Galega de Fútbol, por esa razón, o partido de mañá ten outro compoñente especial para quen ama Identidade da Terra, ademais do emocional.
Os derbis que xogan Deportivo e Celta; Celta e Deportivo, son como un bambán, ao principio gusta o abalo, logo pasas a outra dimensión, é a mesma sensación que cando fas o amor. O equipo que gañe, as súas afeccionadas e afeccionados gozarán dun pracenteiro orgasmo futbolístico. ¡Ai o que perda! Tremendo gatillazo, por esa razón, repito unha vez máis: os derbis non se xogan, gáñanse.

Durante o partido, nas bancadas que cada cal anime aos seus, celebren os goles con alegría, efusión e entusiasmo. O equipo perdedor deixará aos seus afeccionados con cara de cartón, é o fútbol, unhas veces gáñase e outras pérdese. Unha vez finalizado o partido, as dúas afeccións deben saír irmandadas, por riba de todo somos galegos., estaría bo que as dúas afeccións máis representativa do noso Pais-celtistas e deportivistas-se enfrontasen por "un quítame de aí unha palla". Sentidiño, é o que fai falta no fútbol.

No hay comentarios: